miércoles, julio 08, 2009

 
Betanzos volve ser dos cabaleiros
A capital brigantina celebrará a vindeira fin de semana a súa duodécima Feira Franca


Hai seis séculos, o rei Enrique IV concedía á Moi Nobre e Moi Real e Antiga Cidade de Betanzos dos Cabaleiros a posibilidade de acoller unha Feira Franca anual a que podían acudir os mercaderes sen ter que pagar ningún tributo. Hai moito menos, doce anos, a cidade decidiu revivir a cita e aínda que segue sen cobrar aos visitantes, esíxelles traer "risas a esgalla e ganas de pasalo ben"
NURIA RODRÍGUEZ BETANZOS No Medievo, Betanzos acollía unha vez ao ano unha Feira Franca á que podían acudir todos os comerciantes e tratantes do Reino que o desexasen sen ter que pagar a alcabala ou arancel esixido de xeito habitual entón. De aí o nome de franca, que se lle puxo por ser libre de tributos.
A feira foille concedida á Moi Nobre e Moi Leal, Real e Antiga Cidade de Betanzos dos Cabaleiros polo rei Enrique IV o 3 de xullo de 1467. A oportunidade de acoller unha reunión anual semellante, que congregaba a multitude de veciños e visitantes non era gratuita, senón que levaba consigo unha serie de obrigas como a de non cobrar alcabalas, a de que todos os rexedores, alguacís e oficiais da vila permanecesen nela para "mellor servicio dos seus oficios", que non faltase carne nin pan e que houbese xogos de pelota e xadrez, xograres, comedias, torneos e máscaras, entre outros divertimentos.
Seis séculos máis tarde, Betanzos volve revivir a súa Feira Franca. Será a partir do venres e ata o domingo. Agora non hai muralla nin portas e a alcaldesa, María Faraldo, invita a todos a visitar a capital brigantina durante o vindeiro fin de semana: "Entrade sen temor, que as portas están abertas", recolle o seu saúdo no libro oficial da feira.
Tamén sinala que a fortaleza da cidade xa non reside no feito de estar ben defendida, senón en ter "algúns dos maiores e máis importantes monumentos da Idade Media galega, entre outras moitas cousas que se poderían dicir". Tan só unha petición aos visitantes, que traian "bo humor, risas a esgalla e ganas de pasalo ben".
Unha das novidades da feira será a recuperación da cea medieval, que se celebrará o venres 10, ás 22.30 horas no antigo Matadoiro Municipal. Será a primeira actividade que acolla o edificio logo da súa rehabilitación. As entradas atópanse á venda na oficina de turismo. Un dos datos que quixo subliñar onte a rexedora local durante a presentación oficial da feira -para a que como vén sendo costume, se ataviou cun traxe da época- foi que o Concello recibiu 450 solicitudes para a instalación de postos e tan só puido aceptar 125, debido ás condicións e tamaño do casco histórico. As peticións chegaron de todas as comunidades autónomas e tamén de Portugal, o que segundo Faraldo, é unha mostra máis de que a sona da feira "sae xa das nosas fronteiras".
A alcaldesa tamén recoñeceu que as obras que se executan na zona vella limitaron a colocación dos postos. De feito, o BNG pediu que se tivese en conta este feito, así como que se adoptasen medidas de seguridade para evitar situación de risco nas inmediacións dos edificios que presentan un maior risco de derrubamento.
O programa de actividades comezará o venres ás oito e media da tarde cun repenique de campás e a lectura, ás nove da noite, do pregón, que correrá a cargo do xornalista Xesús Fraga. Ese día rememorarase o incendio que sufríu a cidade no ano 1569 e o salvamento dos bocois de viño, unha escena que será representada na rúa Travesa pola asociación Alboio. O sábado, veciños e visitantes poderán revivir, ás 13 horas na praza da Constitución, o intento de rapto das doncelas a mans dos mouros. O día rematará con espectáculo de pirotecnia, zancudos, lume e aquelarre a cargo do grupo de teatro La Recua. Xa o domingo, veciños da vila representarán a expulsión dos leprosos da cidade. Será ás 13.30 horas. Pola tarde, haberá un torneo a cabalo na praza García Irmáns, ás 19.30 horas, e exhibicións de tiro con arco e cetrería. A XII Feira Franca Medieval clausurarase á medianoite, co lanzamento de fogos de artificio. Durante os tres días haberá unha zona de xogos infantís, espectáculos de animación de rúa -música, teatro e malabares- e diversos postos de alimentación e artesanía.
Fuente: La Opinión de A Coruña, 8 de xullo de 2009

Comments:
Conjunto histórico de cascos urbanos declarados como tal.
Declarado el 31 de diciembre de 1970.

La tierra betanceira es uno de los mejores compendios del país gallego

http://turgalicia.es/sit/ficha_datos.asp?ordRs=1&ctre=125&crec=28461&idversion=1-4DVV56&refnumber2=01020102&cidi=E&premium=
 
Publicar un comentario en la entrada



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?